A Noite de San Pedro
O Encontro Cultura y Ciudadanía (CYC), evento organizado polo Ministerio de Cultura, reúne cada ano a profesionais do sector cultural, institucións e cidadáns para reflexionar sobre o papel da cultura como motor de cambio social.
Desde o nacemento do Colectivo tiñamos ganas de participar e que casualidade, que a súa X edición 2024 caeu en Compostela, no barrio de San Pedro, NA CASA!!
Aló fomos apuntarnos. E se queriamos caldo, caéronnos catro cuncas. Recoñecemos que case afogamos, pero a experiencia e o bo sabor de boca perduran:
Fixemos dous pases de San Pedro. Manual de Instrucións.
Inda que este audiopaseo pode facerse libremente, levabamos un tempiño sen partillalo en grupo e comprobamos que os anos lle sentaron moi ben. Foi moi emocionante e un pracer transitar de novo polo San Pedro da súa xente.
Mágoa que ademais tiveramos que contar como o turismo masivo ameaza a esencia do lugar….

Formamos parte da Lonxa expositiva
Espazo no que puidemos espallar o noso traballo e colaboracións, a realidade dos lugares onde o facemos e conectar ao longo de 3 días con persoas e experiencias moi interesantes e inspiradoras.
Tamén houbo un momento para o pánico escénico. Finalmente, case lle pide un autógrafo Ernest Urtasun a Sol.

Compartimos a Mesa de Participación cidadá en proxectos culturais – retos e alcances.
E alí aprendimos das compañeiras de programa e tomamos nota do valor engadido de proxectos moi necesarios.
Marcos aproveitou para tomar a decisión de non volver a estar pendente de 4 boas liadas á vez mentres traballa en dúas cidades distintas en menos de 24 horas separadas por 2 viaxes en avión antes de falar nunha mesa redonda. No resto, tal e como nos ten acostumadas, moi ben.

E ademais, a xente do Ministerio, propúxonos organizar a festa de clausura da man de El Cinorrio (tamén participantes de CYC) cun encargo moi especial: mesturar as festas do noso barrio (o anfitrión) coas festas de San Pedro de Villanueva de la Vera (lugar de procedencia das Cinorriers). DOUS SAN PEDROS NUNHA MESMA!
Unha auténtica love story de meses de organización que culminaron nun intercambio cultural Galiza/Extremadura sen parangón, en forma de triplo programa chamado A NOITE DE SAN PEDRO!.
E así foi:

SAINETE TRASTERMINANTE: Percorrido teatralizado polo barrio de San Pedro. Fusión entre Cabezudes das súas festas e as roldas extremeñas, cristalizada nun sainete creado para a ocasión, escrito a catro mans pola partocha Belén Caperote e o picheleiro Carlos Santiago, tamén director do formato. A súa finalidade foi a de unir identidades propias e preocupacións compartidas: o dereito a un hábitat e a habitar con dignidade.
Unha xoia de comitiva formada pola xente da Comisión de Festas do Barrio de San Pedro, Carauta Teatro e os Doner & Kebabs aos instrumentos, que fixeron das mellores anfitrionas das visitantes de Villanueva de la Vera: integrantes de El Cinorrio e intérpretes musicais de El Madroñal e Efecto Verdolaga á cabeza. Uníronse quen por alí paseaba e asistentes do X Encontro de CYC. Tamén vacas autóctonas e cabras veratas! simuladas con caretas feitas no predecesor Día da Ciencia, espazo comunitario de divulgación que tamén serviu de primeiro encontro deste fermoso hermanamento.
Coro foi quen de convencer á policía local que as sospeitas que tiñan da posibilidade de gando transhumando polo barrio, foi unha interpretación libre que fixeron do que se promocionou na prensa o día anterior. Surrealismo máxico.

ORQUESTRA TRANSHUMANTE: Colofón do sainete. Pura psicodelia sonora e sideral dirixida por Nacho (a vaca suprema). 12 intérpretes da música galega e extremeña que previamente revisitaron diferentes pezas dos repertorios tradicionais relacionados coa transhumancia da cabra verata (Extremadura) e das vacas na zona do Courel e os Ancares (entre Galiza e León).
Empregando diferentes instrumentos tradicionais, mesturando audios de recollidas de coplas de pastores, gravacións de paisaxes sonoras e sons electrónicos, ofreceron un concerto memorable que aínda resoa entre o Museo do Pobo Galego e o CGAC.

FOLK-LIADA: A clausura do encontro rematou nunha festa improvisada cargada de boísima vibra, na que as músicas dos dous San Pedros volveron fusionarse de xeito espontáneo xunto coa alegría e as danzas partilladas.
Estamos seguras que algún do Ministerio inda segue a bailar…

E como a guinda deste “polbo á feira con pimentón de la Vera“, San Pedro fíxose co CGAC.
