Memoria fotográfica
Poucas cousas removen máis a memoria que as fotografías.
No 2022 quixemos colaborar no XX aniversario das Festas do Barrio de San Pedro cunha acción sinxela que recuperara a participación das persoas maiores do barrio, tan esquecidas nestes tempos de virtualidade.
Así que fixemos unha recolleita de fotografías antigas do barrio, coa axuda das comerciantes.
Nalgunha foto vimos os tendais nas prazas onde as mulleres tendían a roupa.
Emulando estas estruturas comunitarias, dispuxemos as fotos nas prazas, tendidas en cordas, alternándoas con roupa branca.
Estas instalacións efémeras crearon conversas arredor do pasado do barrio, moita curiosidade polo pasado recente e fixeron de vencello xeracional.
A repercusión desta pequena acción fixo que moitas persoas quixeran seguir contribuíndo e ampliando o arquivo fotográfico, polo que decidimos darlle continuidade ao proxecto.
A través destas imaxes falamos das transformacións que sufriu o barrio e a vida da xente, e serven de punto de partida para reflexionar sonbre as transformacións que veñen.
Estamos xerando unha serie de actividades e espazos de reflexión arredor das fotografías antigas, que incluirán accións coma faladoiros veciñais na rúa, obradoiros de fotografía e de intervención artrística das imaxes ou unha nova edición do Que tal? Mileto sobre a memoria e os novos relatos da cidade que queremos.
Seguiremos colaborando nas Festas do barrio cunha acción de arte comunitaria que visibilice o proceso levado a cabo ata o momento e axude a sumar novas participantes.