Orquestas exploratorias San Pedro

A Orquestra Exploratoria é un espazo colectivo de creación sonora.

Unha iniciativa creada e dirixida polo músico e productor Nacho Muñoz

Os seus obxectivos fundamentais son: potenciar unha pedagoxía musical baseada na creación, fomentar novas formas de aprendizaxe e de pensamento contemporáneo a través da experimentación sonora, así como a dinamización cultural dos lugares onde se desenvolve a experiencia. O proxecto busca xerar comunidade a través da creación colectiva, o xogo e a reflexión, abordando cuestións de idade, xénero e diversidade cultural como eixos transversais que promovan actitudes de colaboración, confianza e respecto.

En definitiva, a Orquestra Exploratoria desexa facilitar experiencias transformadoras a través do son para construír outros imaxinarios e estimular unha conciencia da ecoloxía acústica.


SELECCIÓN CONCERTOS

ORQUESTRA EXPLORATORIA DE SAN PEDRO 3.0 (DECEMBRO 2020)
Proceso de creación colectiva dun concerto celebrado no Centro Don Bosco de San Pedro en Compostela, no marco do Mercado da Estrela 2020. Foron 4 intensas sesións sesións de traballo onde, partindo de diferentes exercicios de escoita, improvisación e conducción xestural, creamos un espazo sonoro diverso e aberto ás aportacións de cada participante. Particularmente estas dinámicas propiciaron un proceso de exploración das posibilidades sonoras das voces e os instrumentos (violoncello, pandeireta, batería, percusión, electrónica, teclados e guitarra eléctrica), aportando novas sonoridades e ampliando a paleta de sons coa que comezamos as sesións.

ORQUESTRA EXPLORATORIA DE SAN PEDRO (XULLO 2017)
Xuntanza de traballo con 4 persoas do barrio de San Pedro, no marco da presentación do Mapa Emocional de San Pedro, iniciativa facilitada por Galiza Emocional na súa primeira acción como colectivo. Durante tres sesións de traballo nas dependencias do CSA O Matadoiro, experimentamos traballando sonoridades non convencionais dos instrumentos (gaita, voces, guitarra, percusión, obxectos, teclados e electrónica), así como diferentes métodos de escrita creativa para recrear letras de diferentes temas musicais. Rematamos cun divertido concerto no parque da Trisca en San Pedro.