Mapeo Colectivo

Porque o mapa non é o territorio.

Os mapas clásicos non representan a vida dun territorio, as súas dinámicas nin preocupacións. Imaxinas un mapa que sitúe os coidados e non as estradas? Ou que xeolocalice as amizades e non os McDonald´s?

Nas Festas do Barrio de San Pedro do 2021, (en plena crise da COVID) puxemos en marcha un proceso de Mapeo Colectivo.

Instalamos grandes mapas do barrio para ser intervidos pola veciñanza con rotuladores e pegatinas de máis de 60 iconas diferentes. Durante toda a xornada, centos de persoas deixaron a súa pegada no mapa, relatando o seu xeito de habitar o barrio.

Descubrimos unha morea de cousas que descoñeciamos, como por exemplo: lugares de encontro, segregación por orixe ou idade, reivindicacións veciñais… Soubemos que a rapazada quere máis piscinas e tobogáns máis grandes, cales son os lugares onde moitas mulleres pasan medo de noite, e puxemos en común o problema da turistificación do noso barrio.

Dende pequenas cousas do día a día ata problemas transversais, todo ten cabida nun mapeo colectivo.

Con toda esta información, deseñamos un mapa á medida da veciñanza e con varias capas temáticas. Podes velo aquí abaixo.

O mapeo colectivo é un proceso que podes facer no teu barrio, para falar dun tema concreto ou simplemente para crear comunidade. Nós deseñamos unhas iconas para o noso contexto, pero seguro que moitas poden ser útiles no teu.